Saturday 27 de April de 2024

A Xunta adxudica por 410.000 euros as obras da senda entre Xornes e A Igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso


― Habilitarase un novo itinerario peonil e ciclista de 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da estrada AC-421, enlazando coa senda de Xornes-Buño-Canta la Rana, na que a Xunta investiu 535.000 €

― A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar na primavera as obras deste novo itinerario co obxectivo de rematalas este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses

― Para facilitar a visibilidade, a senda será en formigón coloreado, con cuneta de seguridade e franxa axardinada onde sexa posible

― O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue avanzando para favorecer a mobilidade dos veciños de Bergantiños, co impulso de novas sendas de Soesto e Serantes, en Laxe, de acceso ao centro comercial de Coristanco ou a senda do Couto, tamén en Ponteceso

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 409.972 euros as obras de execución da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso.

Este contrato foi adxudicado á empresa Construcciones López Cao, S.L. As obras previstas na estrada autonómica AC-421 ao seu paso por este municipio coruñés comezarán na vindeira primavera co obxectivo de rematalas este mesmo ano, xa que os traballos contan cun prazo de execución de cinco meses.

A Xunta financiará estas obras con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

A intervención deseñada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 €.

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

O novo itinerario será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

Esta actuación busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.

A intervención da Xunta súmase á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana e completarase con outra nova actuación prevista no municipio: a nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Será un itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude que dará continuidade ao existente. Contará cun investimento autonómico de arredor de 320.000 €.

Deste xeito, a Xunta inviste 1,3 M € no concello de Ponteceso, en 3 sendas peonís para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Tamén segue avanzando para dotar a comarca de Bergantiños de novas sendas peonís, como a de Soesto e Serantes, no concello de Laxe, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco, favorecendo a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños.